12-09-2024. Vémonos este venres na MUMI-Músicas do Minho, o encontro da industria musical portuguesa e galega ❤️
Responsables de programacións musicais, persoal técnico de Cultura, xornalistas e demais profesionais do sector, convidámosvos a descubrir no marco do MUMi o showcase de Su Garrido Pombo presentando o seu novo proxecto “Traspielas” xunto con Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais). Será o venres 13 na Zona PRO en Valença, ás 12:30, hora portuguesa.
Partindo de pezas tradicionais recollidas na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes, Pontevedra) e proxeccións con imaxes actuais e de videoarquivo, a electrónica e a música tradicional conflúen neste concerto que celebra a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual. O obxectivo da artista é dar unha nova vida a estas cancións nunha proposta que pon en valor a comunidade e a cultura popular dun territorio.
A primeira feira e evento ao que acudimos co'A Seara recén constituída foi o MUMi do 2023. Vai ser bonito reencontrarnos un ano despois. Se nos vedes, saudade! E se vos presta axendar un encontro xa sabedes onde atoparnos 😎. Mirámonos en todo caso por alí!